mércores, 2 de xullo de 2025

INFORME METEOROLÓXICO XUÑO 2025

 


O dato máis salientable deste mes foron as elavadas temperaturas, máis propias do verán que do final da primavera. Varios días por riba dos 30 ºC  de máxima e moitos deles con mínimas por riba dos 20 ºC e humidades elevadísimas, o que xerou un ambiente realmente sofocante. No que se refire á chuvia destacou pola súa escasa frecuencia e cantidade.
  • Temperatura máxima: 33,1 ºC
  • Temperatura mínima:  12 ºC
  • Temperatura media: 20 ºC
  • Precipitación acumulada: 20 mm

mércores, 4 de xuño de 2025

INFORME METEOROLÓXICO MAIO 2025

 


Podemos describir este mes como un maio atípico, con temperaturas moderadas, que só se recuperaron cara o final.  Por outra banda tampoco foi un mes moi chuvioso, o que se nota polo dominio dos ventos de compoñente norte, moi febles, propios desta época do ano.
  • Temperatura máxima:  31,0 ºC
  • Temperatura mínima: 7,7 ºC
  • Temperatura media: 16,7 ºC
  • Precipitación acumulada: 93,8 mm

xoves, 22 de maio de 2025

NUBES QUE FALAN DE MIN. O CLIMA COMO ESPELLO DA ALMA NA POESÍA

 


Etapa educativa:

3º da ESO
Área:
Lingua Castelá e Literatura
Duración:
2 sesións de 50 minutos

1. Xustificación

Desde hai séculos, os seres humanos proxectaron o seu mundo emocional na natureza. O vento forte representa a rabia; a chuvia, a melancolía; a primavera, o renacer. Esta proxección —ver no clima un espello da alma— é unha constante na poesía universal. Esta unidade pretende que o alumnado comprenda este vínculo simbólico e experimente a escritura creativa como ferramenta de expresión emocional, unindo o mundo natural co seu interior.


2. Competencias clave traballadas

  • CCL: Competencia en comunicación lingüística
  • CSC: Conciencia e expresión culturais
  • CPAA: Sentido de iniciativa e espírito emprendedor
  • CE: Conciencia e expresión emocional

3. Obxectivos didácticos

  • Comprender o uso simbólico do clima na tradición poética.
  • Identificar tópicos literarios relacionados coa natureza e o estado de ánimo.
  • Ler e analizar textos poéticos desde unha perspectiva emocional e simbólica.
  • Crear un poema no que se relacione o estado emocional propio coa natureza.
  • Fomentar a expresión emocional a través da linguaxe poética.

4. Contidos

  • Recursos expresivos: metáforas, personificación, campos semánticos.
  • Tópicos literarios: locus amoenus, tempus fugit, beatus ille, natura naturans, etc.
  • Lectura comprensiva e análise de poemas breves.
  • Creación poética a partir de estímulos sensoriais e emocionais.
  • Referencias poéticas e cinematográficas onde o clima actúe como símbolo emocional.

5. Temporalización e desenvolvemento

Sesión 1: A chuvia nos ollos

Obxectivos específicos:

  • Introducir a simboloxía do clima na poesía.
  • Ler e analizar poemas representativos.
  • Identificar tópicos e recursos estilísticos.

Actividades:

  1. Activación de coñecementos previos (10 min)
    Pregunta inicial: “Que tipo de clima representa mellor como te sintes hoxe? Por que?”. Pequeno coloquio.
    Preséntase a idea do clima como espello emocional na historia da poesía.

  2. Lectura guiada e análise breve de fragmentos poéticos (25 min)
    Poemas traballados:
    • Garcilaso de la Vega: En tanto que de rosa y azucena…
    • Gustavo Adolfo Bécquer: Rima LIII (“Volverán las oscuras golondrinas…”)
    • Federico García Lorca: Romance sonámbulo
  3. Visionado e comentario de escenas breves (10 min)
    • The Tree of Life (Terrence Malick)
    • Cumbres borrascosas (Emily Brontë – adaptación)
    • A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda)
  4. Peche e reflexión rápida (5 min)
    Diario: “Con que clima escribirías hoxe un poema sobre ti?”



 Sesión 2: O meu clima interior. Obradoiro de poesía.

Obxectivos específicos:

  • Escribir un poema no que se proxecte unha emoción nun elemento natural.
  • Empregar recursos poéticos e simbólicos.
  • Compartir a creación cos compañeiros e compañeiras nun ambiente respectuoso.

Actividades:

  1. Inspiración visual e sensorial (10 min)
    Proxección de imaxes (chuvia, tormenta, bosque con néboa…). Cada alumno escolle unha e describe como representa o seu estado de ánimo.
  2. Escritura poética guiada (25 min)
    Instrucións:
    • Comezar cunha emoción.
    • Empregar un elemento do clima como símbolo.
    • Incluir polo menos unha metáfora ou comparación.
    • Verso libre ou con rima.
    • Mínimo 6 versos.
  3. Lectura voluntaria e comentario positivo (10 min)
    Valóranse as imaxes poéticas e a expresión emocional.
  4. Peche: escolla do título da antoloxía de aula (5 min)
    Lluvia de ideas e votación para título do mural/antoloxía colectiva.

6. Avaliación

Criterios:

  • Comprende a simboloxía do clima na poesía.
  • Emprega recursos poéticos de forma consciente.
  • Expresa emocións de xeito creativo.
  • Participa nas actividades con interese.

Instrumentos:

  • Rúbrica de avaliación do poema.
  • Observación directa e participación.

7. Ligazón co entorno galego

  • Uso do clima galego como símbolo: néboa, chuvia miúda, orballo.
  • Observación da contorna natural como inspiración.



RÚBRICA DE AVALIACIÓN: “O MEU CLIMA INTERIOR”

Nome do alumno/a: ____________________
Data: ____________________

Criterios

Excelente (10)

Ben (7-9)

Suficiente (5-6)

Mellorable (<5)

Relación emoción-natureza

A conexión é fonda, orixinal e moi suxestiva.

A relación está clara e coherente.

Existe relación, aínda que superficial.

Apenas hai conexión entre emoción e clima.

Uso de recursos literarios

Emprega varios recursos con creatividade.

Emprega algúns correctamente.

Emprega poucos ou moi básicos.

Non se aprecia uso consciente.

Coherencia e cohesión

O poema ten unidade, sentido e ritmo.

Coherente, con pequenas interrupcións.

Algo desordenado ou pouco claro.

Carece de fío condutor claro.

Orixinalidade e voz propia

Destaca pola sensibilidade e estilo.

Hai intención persoal clara.

Correcto, pero impersoal.

Sen implicación ou imitación evidente.

Presentación e coidado

Limpio, sen faltas, ben presentado.

Claro, con algunha falta leve.

Faltas graves ou presentación mellorable.

Descuidado ou incompleto.



luns, 5 de maio de 2025

INFORME METEOROLÓXICO ABRIL 2025

 


Conforme a súa fama, abril foi un mes moi irregular, con grandes contrastes térmicos, ventos moi varibles e precipitación importantes coincidindo co período vacacional de Semana Santa.
  • Temperatura máxima: 27,1 ºC
  • Temperatura mínima: 6,5 º C
  • Temperatura media: 14,8 ºC
  • Precipitación acumulada: 206,3 mm

xoves, 3 de abril de 2025

INFORME METEOROLÓXICO MARZO 2025

 


O calendario impón a súa sentenza e a chegada da primavera maniféstase con un notable aumento da temperatura, aínda que na primeira metade do mes houbo varios días con mínimas por debaixo dos 5 ºC, e moi poucos días de chuvia e acumulados máis modestos.
  • Temperatura máxima: 26,3 ºC
  • Temperatura mínima: 3,6 ºC
  • Temperatura media: 12,3
  • Precipitación acumulada: 85,1 mm

venres, 7 de marzo de 2025

INFORME METEOROLÓXICO FEBREIRO 2025

 


Recuperamos o rexistro completo e continuo de datos durante este mes grazas a ausencia de incidencias técnicas. Se ben é certo que neste mes rexistramos a mínima record durante este curso, non pode describirse como un mes invernal especialmente frío, nen tampouco chuvioso. Os ventos débiles de compoñente sur dominaron ao longo deste curto mes.
  • Temperatura máxima: 19,4 ºC
  • Temperatura mínima: 0,6 ºC
  • Temperatura media: 12,0 ºC
  • Precipitación acumulada: 119,3 mm

mércores, 5 de febreiro de 2025

INFORME METEOROLÓXICO XANEIRO 2025


Polo motivo xa descrito no informe anterior os datos que ilustran as gráficas correspónense co período lectivo, cando foi reconectada a estación meteorolóxica á rede WiFi do centro.

A chegada do inverno fíxose notar nas temperatura, aparecendo as primeiras xeadas xa na terceira semana do mes. As chuvias concentráronse principalmente na última semana, onde se recolleron cantidades importantes de auga, de ata case 70 mm nun día.

  • Temperatura máxima: 18,2 ºC
  • Temperatura mínima: 1,1 ºC
  • Temperatura media: 11,5 ºC
  • Precipitación acumulada: 313,2 mm

xoves, 9 de xaneiro de 2025

INFORME METEOROLÓXICO DECEMBRO 2025

 

Os datos incluídos no informe deste mes correspóndense unicamente ao período lectivo, xa que ao inicio das vacacións produciuse un fallo eléctrico que provocou a desconexión da wifi que transmite os datos a aplicación web, problema que non puido ser solventado ata o comezo das clases o 8 de xaneiro.

Obsérvase un significativo descenso das temperaturas en todos os seus valores, mentres que a precipitación neste período non foi moi notable, tanto no acumulado como nos días de chuvia.

  • Temperatura máxima: 20 ºC
  • Temperatura mínima: 2,7 ºC
  • Temperatura media: 11,1 ºC
  • Precipitación acumulada: 67,5 mm

martes, 3 de decembro de 2024

INFORME METEOROLÓXICO NOVEMBRO 2025


A transición cara o inverno vaise percibindo, se ben as temperaturas seguiron a ser moderadas, xa se notou un notable descenso, aínda que foi un mes claramente máis seco que o anterior e con menos días de chuvia.

  • Temperatura máxima: 24,0 ºC
  • Temperatura mínima: 6,2 ºC
  • Temperatura media: 15,7 ºC
  • Precipitación acumulada: 69,9 mm

martes, 5 de novembro de 2024

INFORME METEOROLÓXICO OUTUBRO 2025



En outubro as temperaturas, tanto as máximas como as mínimas tenderon a moderarse en relación ao mes anterior, se ben a temperatura media practicamente non variou.

En canto as precipitacións, outubro pode describirse pasado por auga, con unha precipitación acumulada notable, e con moitos días de chuvia. A influenza dos ventos de compoñente sur incrementouse notablemente neste mes de outono.

  • Temperatura máxima: 25,9 ºC
  • Temperatura mínima: 9,6 ºC
  • Temperatura media: 17,2 ºC
  • Precipitación acumulada: 365 mm


mércores, 2 de outubro de 2024

INFORME METEOROLÓXICO SETEMBRO 2025


O mes de setembro fixo honra ao seu carácter de ponte entre primavera e outono, no que a redución de horas de insolación propician que as temperaturas mínimas baixen de 10 ºC, pero ao mesmo tempo as máximas chegaron a superar os 30 ºC. 

En canto as precipitacións, estas concentráronse principalmente na última semana, aínda que só se contabilizaron 5 días de chuvia en todo o mes. consecuencia do predominio dos ventos de compoñente norte.

  • Temperatura máxima: 32,6 ºC
  • Temperatura mínima: 7,5 ºC
  • Temperatura media:  17,6 ºC
  • Precipitación acumulada: 162 mm


martes, 24 de setembro de 2024

NOVO CURSO, NOVAS OPORTUNIDADES


Despois de varios anos, o curso pasado retomamos o contacto co Programa Meteoescolas, o que nos levou a probar as múltiples posibilidades que ofrece a meteoroloxía como disciplina transversal, o que a converte nun punto de encontro idóneo entre os distintos departamentos didácticos e niveis educativos. Non sempre é doado convencer ao profesorado para que se unan a este tipo de programas, non tanto pola carga de traballo que isto poida supoñer ou polo esforzo de asociar os contidos curriculares co campo da meteoroloxía, senón pola múltiple oferta de programas educativos, moitos deles incluídos dentro do Plan Proxecta, o que leva a que en moitas ocasións a participación non traia consigo unha compensación en horas de formación do profesorado, xa que a participación en distinto proxectos non é acumulativa, o que elimina este incentivo para colaborar. 

En todo caso, é a nosa pretensión dar continuidade ao programa Meteoescolas no noso centro ao longo do presente curso explorando nas súas posibilidades e dando continuidade a outras que resultaron moi produtivas no pasado.

Comecemos... 

mércores, 18 de setembro de 2024

REXISTRO E PUBLICACIÓN DE DATOS METEOROLÓXICOS


Para o presente tomouse a decisión de facer público os datos obtidos pola estación automática polos seguintes motivos:

  • Proporciona un histórico de datos continuo e almacenable de forma automática.
  • Presenta menos flutuacións e desviacións en relación aos datos recollidos das estacións meteorolóxicas próximas da rede de MeteoGalicia.
  • Acceso en tempo real aos datos.

De todos os xeitos, a estación analóxica proporciona unhas posibilidades operativas máís prácticas no plano didáctico para a comprensión do significado das distintas variables. Por este motivo, o alumnado, de forma rotatoria e baixo a supervisión do profesorado participante, seguirán a ser recollidos diariamente  os datos (nos días lectivos) e gardalos na ficha mensual.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  

mércores, 3 de xullo de 2024

MANUAL Vs AUTOMÁTICA: CONCLUSIÓNS

Non era una obxectivo do noso proxecto facer unha análise climatolóxica a partir dos datos recollidos, nin tan sequera facer un informe meteorolóxico do período estudado. Máis ben pretendíamos achegar ao noso alumnado á medición de variables atmosféricas manexando diferentes ferramentas coa vontade de que comprenderan a importancia das mesmas na caracterización do clima e do tempo. Deste xeito, o noso alumnado asumiu de bo grado a responsabilidade de tomar datos fora do horario propiamente lectivo restando tempo ao seu lecer e descanso do tempo que pasan nas aulas.

Outro dos obxectivos, incluídos no noso proxecto de participación, era contrastar diferentes tecnoloxías na medición das diferentes variables meteorolóxicas e, máis concretamente, comparar unha estación manual, equipada principalmente de instrumentos analóxicos, con unha estación automática. 

Esta última presenta a gran vantaxe de non ter que tomar os datos de forma presencial, e a posibilidade de almacenamento, pero sempre se pode dubidar da súa precisión, especialmente cando non se trata de equipos profesionais, como é o noso caso.  


Tamén temos que recoñecer que a situación de partida non era equiparable, xa que a localización de ambas estacións no era a mesma, separadas por uns 100 m de distancia pero en condicións moi diferentes. Como xa dixemos, a estación manual está situada entre o edificio do IES  e o pavillón do centro e a escasa distancia de ambos, Eramos conscientes da falta de idoneidade desta ubicación, pero era prioritario un acceso cómodo para o alumnado e unha maior seguridade. Por outra banda a estación automática está nunha localización moito máis aberta e exposta. 

Como consecuencia disto observamos diferenzas significativas no rexistro das temperaturas máximas, sobre todo en días de gran insolación, o cal non resulta sorprendente o anteriormente descrito. Pero a diferenzas nas cantidades de chuvia recollidas si que eran moi notables e non tan facilmente explicables, xa que en ocasións chegaron a marxes de máis do 20%.

Na posta en común tratamos de identificar as posibles causas:

  • Deficiente calibración do pluviómetro da estación dixital.
  • Vibracións a causa do vento que puideran mover a balanza do pluviómetro dixital. 
  • Proximidade da estación manual a edificios e vexetación que restaran a chegada de chuvia en días de vento.

Como posibles solucións para minimizar estas deficiencias ou diagnosticar mellor as súas causas.
  • Instalación dun pluviómetro analóxico próximo a estación dixital comprobando os seus rexistros tanto no curto como no medio prazo con diferentes condicións atmosféricas, comparándoos cos obtidos na estación manual. No caso de que non coincidan tratar de precisar un factor de corrección.
  • Explorar a posibilidade de calibrar o dispositivo na propia consola da estación automática ou a través do software.
Agás nestes casos e circunstancias descritas as diferenzas observadas foron pouco significativas, o que reforza a fiabilidade de ambas tecnoloxías para a observación e medición das variables meteorolóxicas, polo menos no nivel de esixencia que nos compete.

INFORME METEOROLÓXICO XUÑO 2025

  O dato máis salientable deste mes foron as elavadas temperaturas, máis propias do verán que do final da primavera. Varios días por riba do...