A espera fíxose moi longa, pero ao final todo chega, e seis meses despois de colocar as nosas 7 cámaras estenopeicas en diferentes puntos do noso centro, coincidindo co solsticio de verán e a fin de curso, recuperamos as cámaras para visualizar o resultado desta ilusionante experiencia que combina a física, a meteoroloxía, coa tecnoloxía e, incluso coa arte.
Podemos dicir que os resultados foron sorprendentes e altamente satisfactorios. Sorprendentes porque aínda que todas as cámaras foron creadas cos mesmos materiais es seguindo os mesmos pasos as imaxes obtidas son completamente diferentes. Algunha bastante ben enfocada na que se pode recoñecer o no so pavillón e parte do aparcamento, xunto con casas próximas e coa nosa estación automática case en primeiro plano; outras algo desenfocadas nas que, con algunha dificultade, é posible recoñecer a silueta da fachada traseira do IES Asorey, mentres que outras están tan desenfocadas que non permite deducir a súa ubicación. Pero en todas é posible visualizar o rastro de luz deixado polo sol entre o orto e ocaso naqueles momento nas que as nubes non lle impedían impresionar o papel fotográfico.
Así, o 20 de xuño, en presenza do alumnado que participou desta experiencia, retiramos as cámaras estenopeicas dos lugares nas que foron emprazadas seis meses antes. Xa no interior do centro, extraemos o papel fotográfico e xa foi posible observar unha imaxe en negativo, pero realmente aínda pouco ilustrativa. Foi necesario escanealas rapidamente e posteriormente positivalas mediante un programa de edición de imaxes básico. Finalmente, con algún axuste de brillo e contraste obtivemos as imaxes que agora presentamos.
Unha das primeiras conclusión que sacamos foi que o formato da cámara estenopeica e a súa orientación non permitía reflectir todo o percorrido do sol nos últimos días da primavera, quedando o mediodía fora de plano, o que nos fai reflexionar sobre o formato máis apropiado para as cámaras que elaboremos no futuro, tendendo se acaso a formatos de maior tamaño e altura para tratar de abarcar o percorrido na súa totalidade.
En todo caso, o resultado pareceunos tan satisfactorio que tomamos a decisión de que unha destas solarigrafías fose a imaxe de cabeceira deste blog desde agora,









