mércores, 3 de xullo de 2024

MANUAL Vs AUTOMÁTICA: CONCLUSIÓNS

Non era una obxectivo do noso proxecto facer unha análise climatolóxica a partir dos datos recollidos, nin tan sequera facer un informe meteorolóxico do período estudado. Máis ben pretendíamos achegar ao noso alumnado á medición de variables atmosféricas manexando diferentes ferramentas coa vontade de que comprenderan a importancia das mesmas na caracterización do clima e do tempo. Deste xeito, o noso alumnado asumiu de bo grado a responsabilidade de tomar datos fora do horario propiamente lectivo restando tempo ao seu lecer e descanso do tempo que pasan nas aulas.

Outro dos obxectivos, incluídos no noso proxecto de participación, era contrastar diferentes tecnoloxías na medición das diferentes variables meteorolóxicas e, máis concretamente, comparar unha estación manual, equipada principalmente de instrumentos analóxicos, con unha estación automática. 

Esta última presenta a gran vantaxe de non ter que tomar os datos de forma presencial, e a posibilidade de almacenamento, pero sempre se pode dubidar da súa precisión, especialmente cando non se trata de equipos profesionais, como é o noso caso.  


Tamén temos que recoñecer que a situación de partida non era equiparable, xa que a localización de ambas estacións no era a mesma, separadas por uns 100 m de distancia pero en condicións moi diferentes. Como xa dixemos, a estación manual está situada entre o edificio do IES  e o pavillón do centro e a escasa distancia de ambos, Eramos conscientes da falta de idoneidade desta ubicación, pero era prioritario un acceso cómodo para o alumnado e unha maior seguridade. Por outra banda a estación automática está nunha localización moito máis aberta e exposta. 

Como consecuencia disto observamos diferenzas significativas no rexistro das temperaturas máximas, sobre todo en días de gran insolación, o cal non resulta sorprendente o anteriormente descrito. Pero a diferenzas nas cantidades de chuvia recollidas si que eran moi notables e non tan facilmente explicables, xa que en ocasións chegaron a marxes de máis do 20%.

Na posta en común tratamos de identificar as posibles causas:

  • Deficiente calibración do pluviómetro da estación dixital.
  • Vibracións a causa do vento que puideran mover a balanza do pluviómetro dixital. 
  • Proximidade da estación manual a edificios e vexetación que restaran a chegada de chuvia en días de vento.

Como posibles solucións para minimizar estas deficiencias ou diagnosticar mellor as súas causas.
  • Instalación dun pluviómetro analóxico próximo a estación dixital comprobando os seus rexistros tanto no curto como no medio prazo con diferentes condicións atmosféricas, comparándoos cos obtidos na estación manual. No caso de que non coincidan tratar de precisar un factor de corrección.
  • Explorar a posibilidade de calibrar o dispositivo na propia consola da estación automática ou a través do software.
Agás nestes casos e circunstancias descritas as diferenzas observadas foron pouco significativas, o que reforza a fiabilidade de ambas tecnoloxías para a observación e medición das variables meteorolóxicas, polo menos no nivel de esixencia que nos compete.

INFORME METEOROLÓXICO XUÑO 2024




 A recollida de datos da estación manual realizouse ata o día 20 de xuño, xa que o período lectivo rematou o día 21, pero nese día o alumnado da ESO participou nunha saída didáctica visitando cada nivel unha illa distinta do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, polo que ese día non houbo posibilidade de tomar os datos.

De todos os xeitos, acompañamos os datos recollidos ata ese día na estación manual e os de todo o mes na estación automática.

ESTACIÓN MANUAL (ata o día 20)

  • Temperatura mínima: 9,6 ºC
  • Temperatura máxima: 33,8 ºC
  • Precipitación acumulada: 34 mm
ESTACIÓN AUTOMÁTICA
  • Temperatura mínima: 9.2 ºC
  • Temperatura máxima: 32,2 ºC
  • Precipitación acumulada: 60,2 mm (ata o día 20: 51,6 mm)
Chama a atención novamente a diferenza na precipitación rexistrada, o cal será motivo de reflexión en vindeiros cursos.

INFORME METEOROLÓXICO XUÑO 2025

  O dato máis salientable deste mes foron as elavadas temperaturas, máis propias do verán que do final da primavera. Varios días por riba do...