Non era una obxectivo do noso proxecto facer unha análise climatolóxica a partir dos datos recollidos, nin tan sequera facer un informe meteorolóxico do período estudado. Máis ben pretendíamos achegar ao noso alumnado á medición de variables atmosféricas manexando diferentes ferramentas coa vontade de que comprenderan a importancia das mesmas na caracterización do clima e do tempo. Deste xeito, o noso alumnado asumiu de bo grado a responsabilidade de tomar datos fora do horario propiamente lectivo restando tempo ao seu lecer e descanso do tempo que pasan nas aulas.
Outro dos obxectivos, incluídos no noso proxecto de participación, era contrastar diferentes tecnoloxías na medición das diferentes variables meteorolóxicas e, máis concretamente, comparar unha estación manual, equipada principalmente de instrumentos analóxicos, con unha estación automática.
Esta última presenta a gran vantaxe de non ter que tomar os datos de forma presencial, e a posibilidade de almacenamento, pero sempre se pode dubidar da súa precisión, especialmente cando non se trata de equipos profesionais, como é o noso caso.
Tamén temos que recoñecer que a situación de partida non era equiparable, xa que a localización de ambas estacións no era a mesma, separadas por uns 100 m de distancia pero en condicións moi diferentes. Como xa dixemos, a estación manual está situada entre o edificio do IES e o pavillón do centro e a escasa distancia de ambos, Eramos conscientes da falta de idoneidade desta ubicación, pero era prioritario un acceso cómodo para o alumnado e unha maior seguridade. Por outra banda a estación automática está nunha localización moito máis aberta e exposta.
Como consecuencia disto observamos diferenzas significativas no rexistro das temperaturas máximas, sobre todo en días de gran insolación, o cal non resulta sorprendente o anteriormente descrito. Pero a diferenzas nas cantidades de chuvia recollidas si que eran moi notables e non tan facilmente explicables, xa que en ocasións chegaron a marxes de máis do 20%.
Na posta en común tratamos de identificar as posibles causas:
- Deficiente calibración do pluviómetro da estación dixital.
- Vibracións a causa do vento que puideran mover a balanza do pluviómetro dixital.
- Proximidade da estación manual a edificios e vexetación que restaran a chegada de chuvia en días de vento.
- Instalación dun pluviómetro analóxico próximo a estación dixital comprobando os seus rexistros tanto no curto como no medio prazo con diferentes condicións atmosféricas, comparándoos cos obtidos na estación manual. No caso de que non coincidan tratar de precisar un factor de corrección.
- Explorar a posibilidade de calibrar o dispositivo na propia consola da estación automática ou a través do software.