xoves, 18 de xaneiro de 2024

INFORME METEOROLÓXICO: DECEMBRO 2023

 




A recollida de datos da estación manual no mes de decembro resultou moi parcial, xa que é un mes con un baixo número de días lectivos. Ata o día 21, a temperatura máxima rexistrada foi de 19,0 ºC, mentres que a mínima foi de 1,3 ºC. O total de chuvia recollida ata esa data foi de 123 mm.

En relación aos mesmos datos recollidos na estación automática ao longo de todo o mes de decembro, a temperatura máxima foi de 17,8 ºC e a mínima de 1,7 ºC. A chuvia recollida en todo o mes foi de 227 mm. Debe terse en conta que este último dato non é comparable co da estación manual, xa que este só é ata o día 21.

mércores, 17 de xaneiro de 2024

OBSERVACIÓN METEOROLÓXICA DESDE DIFERENTES TECNOLOXÍAS


Seguramente unha das formas máis inmediatas de introducirse na meteoroloxía é a medición das diferentes variables atmosféricas, comezando polas dúas que sen dúbidas son as máis demandadas e seguidas pola poboación, a temperatura e a pluviosidade, aínda que non son as únicas, polo que despois dunha aproximación teórica cara o noso alumnado de 1º ESO, tamén faremos un seguimento da humidade relativa ou a presión atmosférica e afondaremos na súa influencia na nosa percepción do tempo atmosférico, xunto con outras como o vento, tanto en función da súa dirección como da súa velocidade.

Para este cometido instalamos unha estación meteorolóxica manual que contén 2 termómetros de máxima e mínima, un analóxico e outro dixital, un barómetro aneroide, un pluviómetro, un psicrómetro e un higrómetro. Pode ser redundante o uso dos dous termómetros de máxima e mínima, pero neste caso preferimos empregalos por un lado para ilustrar diferentes tecnoloxías e como un elemento para reforzar a fiabilidade dos datos recollidos, tomando os datos preferentemente do dixital, xa que nos proporciona unha precisión á décima de grao centígrado, e o analóxico de mercurio serve de referencia. No mesmo caso están o higrómetro e psicrómetro, neste caso tomamos o dato do higrómetro, que resulta moito máis inmediato, e empregamos o psicrómetro para un calibrado preciso do primeiro.

No caso do barómetro aneroide, calibrámolo en función da información que obtemos das estacións meteorolóxicas da rede de observación de Meteogalicia situadas nas proximidades do noso centro e que proporcionen este dato, como é o caso da situada en Corón, no concello de Vilanova de Arousa, a escasos quilómetros da nosa localización.


Os datos serán recollidos polos propios alumnos, coa supervisión dun membro do profesorado participante no programa, nos días lectivos de acordo coas indicacións prescritas pola dirección do programa de Meteoescolas nunha ficha en papel. Simultaneamente tomárase unha fotografía do interior da garita, rexistrando data e hora da mesma, engadindo o dato de pluviometría.

A ubicación desta estación non é a máis apropiada, como se pode observar nas imaxes, moi próxima a edificacións e a vexetación de xeito que poden alterar algunha das variables , pero na súa instalación primaron os criterios de accesibilidade e seguridade, para que resultara máis operativa para ser empregada por alumnado da ESO e evitar, na medida do posible, que fora obxecto de vandalismo. Somos conscientes de que os datos recollidos poden quedar afectados por esta decisión, pero pareceunos o máis apropiado para o seu uso polo noso alumnado, xa que a finalidade que pretendemos é espertar o seu interese nesta materia do xeito máis doado posible.


En paralelo contamos con unha estación meteorolóxica automática  SAINLOGIC WS3500 con conexión wifi á correspondente consola e o volcado de datos en tempo real ao portal meteorolóxico Ecowitt Weather, que conta con unha rede de estacións privadas conectadas e que nos proporciona o software e o almacenamento que permite a posibilidade de consultar os datos recollidos de forma case instantánea, ao tempo que os almacena, permitíndonos recuperar series históricas e visualizalas en gráficos ou táboas. Estes datos son accesibles a través do seguinte enlace.

Tendo en conta as particularidades de cada unha destas tecnoloxías e as circunstancias antes descritas da localización de ambas estacións, pretendemos contrastar os datos obtidos a través destes distintos medios observando as súas coincidencias e disparidades e tratar de determinar as causas destas últimas.


MANUAL Vs AUTOMÁTICA: CONCLUSIÓNS

Non era una obxectivo do noso proxecto facer unha análise climatolóxica a partir dos datos recollidos, nin tan sequera facer un informe mete...