A partir da xornada de formación celebrada nas dependencias de METEOGALICIA en Santiago na que participantes en edicións anteriores do programa METEOESCOLAS amosaron a súa experiencia no mesmo e algunhas das experiencias desenvolvidas, consideramos que sería interesante a elaboración de cámaras estenopeicas a partir de latas de refresco e papel fotográfico fotosensible.
O obxecto desta práctica é obter unha imaxe dunha paisaxe aberta na que na parte superior da imaxe quedará impresionado o recorrido do sol día a día durante un longo período de tempo. No noso caso desde o solsticio de inverno ao solsticio de verán, polo tanto un exposición de 6 meses.
A construción destas cámaras está baseado no principio da cámara escura, coñecido desde a antigüidade, polo cal unha imaxe pode proxectarse no interior dun recinto escuro no que só entre a luz a través dun pequeno orificio, denominado estenopo (de aí o nome de cámara estenopeica), de tal xeito que a imaxe do que esta diante dese orificio e proxectado na parede oposta en posición invertida
O material de partida é o seguinte.
- Latas de refresco estándar.
- Papel fotográfico fotosensible.
- Papel de lixa.
- Esmalte negro mate
- Cinta americana.
- Bridas.
- Agulla de coser.
Empregamos como cámara a lata de refresco, a que previamente quitámoslle a tapa empregando papel de lixa para non crear bordos cortantes. Posteriormente pintamos con pintura en esmalte negro mate o interior e exterior da lata. Una vez seca realizamos o orificio, que debe ter un diámetro en función da distancia focal, neste caso ó diámetro interior da lata, ao que debe restárselle o groso do papel fotográfico fotosensible que se colocará no lado oposto ao orificio. Mediante unha fórmula sinxela determínase que o diámetro do orificio debe ser de 0,32mm. Canto máis precisos sexamos neste paso mellor será o enfoque da imaxe obtida, pero nesas magnitudes só podemos aproximarnos, empregando unha agulla de coser ou un alfinete fino para practicar este orificio na parte media da lata.
Chegados a este punto, só queda introducir o papel fotosensible no interior da lata, o cal debe facerse nun habitáculo escuro, unicamente con unha luz de seguridade vermella para que non se impresione o papel fotosensible durante a súa manipulación, e finalmente tapalo con un material opaco e impermeable, preferiblemente cinta americana negra. Compre dicir que a maior dificultade nesta experiencia foi adquirir o papel fotográfico fotosensible, moi empregado ata a popularización da fotografía dixital, pero na actualidade existe unha escasa oferta e xeralmente obriga a comprar grandes cantidades, principalmente a través de comercio on line.
Deste xeito construímos 7 cámaras estenopeicas que foron instaladas en diferentes puntos do recinto escolar co orificio orientado cara o sur, de tal xeito que recolleran todo o recorrido do sol desde o amencer ata súa posta, sempre e cando as nubes non o impidan. Así dispuxémonos a colocalas o último día de clase do ano, o 21 de decembro, coa intención de recollelas o 21 de xuño, último día do curso.
A nosa intención e ter una imaxe ilustrativa dos tempos de insolación e da variación dos percorridos do sol entre orto e ocaso ao longo do ano. Pretendemos repetir a experiencia se ten éxito, e así poder comparar estas solarigrafías entre diferentes anos sucesivos.
A espera será longa, e estamos impacientes por ver o que resulta desta experiencia.